26 de set. de 2024

ESTRATEXIAS DE INTERVENCIÓN CO ALUMNADO DISRUTIVO

  • Creación dun clima positivo de aprendizaxe na aula. Debemos poner en valor de xeito explícito os comportamentos que sonadecuados, (traballar na clase/casa,  falar con amabilidade, mostrar tranquilidade na aula,… ).
  • Non se debe prestar atención ao comportamento inadecuado, sempre que este non sexa demasiado perturbador ou perigoso para a integridade física do escolar e do resto de persoas.
  • Ante un desafío ou negativa con certo grao de agresividade, débese garantir a seguridade do alumno ou a alumna, á vez que mostrar tranquilidade e firmeza, non responder ante a conduta desafiante e esperar a que diminúa ou remita, evitando alzarlle a voz e manifestándolle que se lle prestará atención cando se mostre sereno e tranquilo ou cando realice de forma adecuada o solicitado polo docente.
  • No caso de condutas desafiantes, agresións, pelexas etc., poderase utilizar a estratexia do «tempo fóra», sempre baixo a vixilancia dun docente.
  • Cando o profesorado trate de modificar un comportamento inadecuado convén que se refira ás condutas inadecuadas e non ao escolar. Evitar os termos absolutos e cualificadores cara ao alumno ou alumna e, no seu lugar, utilizar frases nas que se dea unha oportunidade á conduta adecuada.

Resultan útiles as seguintes suxestións:

  • Centrarse nas condutas, non en características persoais.
  • Dirixirse ao alumnado polo seu nome.
  • Non usar xestos, palabras ou ton de voz despectivo.
  • Mirar ao alumno ou alumna, usar xestos adecuados, aproximarse a el/a.
  • Informar de cal é a conduta esperada.
  • Apercibir en privado (ou en voz baixa, cunha mirada, preto do alumno ou alumna) e encomiar as condutas adecuadas.
  • Prestar atención a condutas positivas alternativas.
  • Prestar atención ao alumnado cando está a traballar, facilitar axuda cando a necesite, e chegar a acordos de traballo e/o conduta con eles e elas
  • Usar algunha  cualidade positiva do alumno ou alumna como referencia común na aula.
  • Informar das consecuencias que se derivan se a conduta negativa persiste. Ser firmes e consistentes na aplicación das medidas disciplinarias, informar a este alumnado e ter a seguridade de que entendeu as consecuencias do seu comportamento.
  • Falar ben do alumno ou a alumna en presenza doutros adultos ou compañeiros.
  • Saudar e mostrar recoñecemento cando nos atopemos ao alumno ou alumna  fóra da aula.
  • É moi pouco recomendable entrar en confrontación directa co alumno ou a alumna. En ocasións, a súa intención é facernos perder o control e despistarnos da tarefa que pretendiamos que fixese. Se esta situación, aparece é mellor contar un tempo-fóra tanto para o profesorado como para o alumnado. É mellor recuperar o control e non deixar ver cales son as nosas debilidades (nerviosismo, perdas de control, ameazas)  na interacción cos menores. De ningún xeito,  isto supón que debamos deixarlle facer a súa vontade, máis aínda, a nosa proposta é a de crear un ambiente altamente estruturado onde este alumnado saiba que debe  facer en cada situación. Ante pautas consistentes de educación, este adoita reducir os intentos de xerar enfrontamento.

 

QUERÉMONOS BEN!

 NO 25 N, aprendamos a querernos ben! Clica na imaxe para chegar á actividade do blogue Pienso, Siento, Soy